jueves, 30 de marzo de 2017

TEMOS TIPIS PARA LER!

Despois de reorganizar un pouco a aula  para que nos quedara espazo xa temos sitio para colocar os tipis de lectura. Cada día na "hora de ler" os dous encargados poden disfrutar de momentos relaxados de lectura. Encántalles! E nos encántanos que lles encante! ;)

martes, 21 de marzo de 2017

O LIBRO DOS CANS

Aquí vos deixo o enlace ao produto final do proxecto de investigación sobre os cans. Trátase dun libro feito por eles e impreso na plataforma Blurb con tapas duras. As fotografías foron aportadas polas familias.  Esta baseado no que fixeron os  nenos e nenas de Santa Comba co proxecto "AVESPAS" coa mestra Alicia Nimo que o curso pasado resultou premiado no traballo por proxectos que convoca Bibliotecas Escolares de Galicia. Picade na imaxe para acceder á entrada orixinal no noso blog de aula e velo en ISSU en formato dixital, val a pena! ;)


Tamén vos deixo aquí outra vez a secuencia didáctica do proxecto por se fora do voso interese. 

domingo, 12 de marzo de 2017

CIENCIA CIDADÁ NAS CLASES DE CIENCIA

Nesta entrada vouvos ensinar a nosa pequena contribución á ciencia cidadá. Estiven asistindo no CAFI a un curso impartido por Jose Viñas no que aprendimos un montón sobre proxectos desta índole e sobre indagación científica. Seríame imposible resumir aquí todo pero por dar un apunte tratariase de proxectos nos que os nenos e nenas son axentes activos no proceso de investigación e eses datos revirten na súa comunidade. Para saber máis podedes picar na páxina de IBERCIVIS ou consultar os traballos dos rapaces do IES David Buján de Cambre.
Aquí deixo o meu proxecto final. Eu deseñei unha aplicación de móvil na que os nenos e nenas teñen que observar o mundo que nos rodea e atopar nel formas xeométricas, unha vez atopada teñen que contestar unhas preguntas sobre a súa forma, clasificalas en naturais ou artificiais e sacarlles unha foto.
Así mesmo, no final da presentación, deixo tamén uns exemplos do método científico onde tratamos de dar resposta a preguntas do proxecto as plantas que estamos levando a cabo: como nacen as plantas ou que necesitan para vivir?
O obxectivo principal do traballo pretende ser fomentar a observación e a recollida de datos, os primeiros pasos para unha investigación científica.

 Saúde e ciencia para todos!


jueves, 9 de marzo de 2017

IMOS Á PROCURA DUN SOÑO?

O mércores estiven dando unha docencia nun centro da provincia de Pontevedra. Aquí lles deixo a eles e a quen poida servirlle a miña presentación. Un saúdo e moita sorte! Foi un pracer compartir convosco experiencias e reflexións, ninguén dixo que fora fácil ser profe... E ainda máis, ninguén dixo que fora fácil ser profe innovador e inclusivo. ;) Encantada de coñecervos!



No enlace podedes acceder ao noso proxecto que recibiu o premio de Bibliotecas escolares "Coñecendo Outes". Picade AQUÍ para velo. Tamén AQUÍ podédeslle botar unha ollada ao dos nenos e nenas do CEIP "Pepe de Xan Baña" e a súa mestra Alicia Nimo Liboreiro que resultou premiado no curso anterior sobre as avespas. Por certo, este último imprimídeo e poñédeo enriba da mesiña de noite. jeje!

martes, 10 de enero de 2017

TIPOLOXÍAS TEXTUAIS: AS DESCRICIÓNS



Este primeiro trimestre adicámonos a traballar as descricións, a continuación déixovos a parte que imos entregar ás familias do noso traballo, contén os estándares avaliados (os traballados son moitos máis!) e tamén a secuencia de actividades realizadas. Estos traballos foron feitos en grupos cooperativos (iso intentamos) con técnicas como as do folio xiratorio. Igualmente o análise do texto parte coma sempre do esquema de Myriam Nemerovsky.






O segundo trimestre ímonos adicar aos textos instrutivos, xa vos contaremos... ;)

martes, 27 de diciembre de 2016

PROXECTO E PORTAFOLIO DE AVALIACIÓN

Durante este primeiro trimestre estivemos buscando información sobre os cans. Este tema xurdiu polo seu interese na Patrulla Canina, o que serviu de acicate inicial para interesarnos por estes mamíferos. O produto final é un libro informativo que vos ensinarei cando esté rematado, xa lle queda moi pouquiño! De momento comparto con vos o traballo que realicei para o curso de ABP do PLATEGA onde se explica toda a planificación e execución dunha aprendizaxe por proxectos que pretende ser rigurosa.


Este traballo está baseado nunha idea orixinal de Alicia Nimo do blog TRES PASOS EDUCACIÓN que resultou premiado o ano pasado pola Asesoría de Bibliotecas Esoclares da Xunta de Galicia e pódese consultar AQUÍ. Tamén podedes ver o proceso de creación do libro informativo (produto final) picando no seguinte enlace ao vídeo dos nenos e nenas de 1º e 2º do CEIP Pluriligüe Pepe da Xan Baña (Santa Comba).

Para min, o mais difícil deste tipo de metodoloxías é a avaliación, no curso do PLATEGA descubrín o que eran os PORTAFOLIOS. Aquí vos deixo uns vídeos moi clariños nos que me inspirei para elaborar o noso. A maior ventaxa que eu lle atopo a este tipo de avaliación é, sobre todo, que é formativa, e permite ver aos nenos e nenas (tamén aos profes e ás familias) os seus progresos trimestre a trimestre. Tamén me parece moi interesante porque fai explícitos os obxectivos que se lles van pedir, eles saben o que se vai avaliar xa de antemán o que permite que poidan modificar as súas condutas.




Quería darlle tamén millóns de grazas á miña compañeira de nivel Araceli Montes Prieto xa que sen a a súa incondicional axuda, sen os seus aportes e sen o seu traballo todo esto non sería posible. Detrás destes dossieres está o traballo das dúas, en equipo, non en vano o libro resultante vai ser das dúas clases de primeiro. Eso require moita coordinación, moito xuntarse polos pasillo, meternos unha na clase doutra, estar de acordo e non estar, traballar vía wathsapp... non é fácil, pero é moi, moi moi gratificante! GRAZAS ARACELI!


lunes, 5 de diciembre de 2016

PREMIO DE BIBLIOTECAS ESCOLARES AO PROXECTO "COÑECENDO OUTES"

Estamos de noraboa! O noso proxecto do ano pasado "Coñecendo Outes" foi galardoado cun dos premios que conceden as Bibliotecas Escolares de Galicia no III Concurso de Traballo por Proxectos. Moi contentos e emocionados por este galardón!
Pensar que outra escola é posible, unha escola onde non se ensine so a memorizar e onde cabemos todos e todas non é unha utopía, é unha realidade pola que moitos docentes loitamos día a día a pesar das trabas, dos impedimentos, dos recursos e de todos os atrancos que nos aparezan no camiño. Somos eses docentes que estamos convencidos de que os pilares fundamentales nos que se debe basear a educación son o aprender a aprender e tamén a ser, a estar e a convivir.

Se picades neste ENLACE podedes acceder á memoria do noso proxecto e tamén á memoria dos outros galardoados, eu xa lin varios e con cada un aprendo un pouquiño máis.

FELICES!
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...